NATACIÓN
Be water, my friend. É algo que os deportistas do Club Mar de Artabria aprenden dende que comezan nadar. Na piscina de INEF adestran distintos grupos. En iniciación (grupos 1 e 2, entre 4 e 8 anos) nadan dous días por semana e aprenden flotación, respiración, técnica básica de nado a crol e costas e saltos de pé dende o taco de saída). En perfeccionamento de base (grupo 2, a partir de 8 anos) adestran xa tres días para mellorar tanto a técnica como a fluidez. Os grupos 3 (de 8 a 12 anos) e 4 (a partir de 12 anos) teñen catro sesións semanais de piscina co obxectivo de acadar un nivel alto de perfeccionamento e participar tamén en competicións. En verán practicamos en augas abertas.
CICLISMO
Pedalea. Moito ou pouco, longo ou curto. Pero pedalea. Díxoo o caníbal Eddy Merckx e en Club Mar de Artabria subscribímolo ao cento por cen: o futuro vai sobre dúas rodas. Os deportistas dos grupos 1 e 2 inícianse no manexo da bicicleta cunha sesión por semana, e os grupos 3 e 4 xa adestran dúas. Para iso contamos como instalacións cunha pista semicuberta cedida polo Concello de Oleiros e un recinto pechado ao tráfico os sábados pola mañá (Centro Ricardo Baró, de Aspronaga). Os máis maiores tamén fan saídas por carretera os sábados, supervisados sempre polos adestradores.
CARREIRA A PÉ
Correr non é de covardes. Non importa cal sexa o teu ritmo. Dende o tartán da pista de INEF ata a area da praia de Bastiagueiro, calquera superficie ou circuito permite progresar en técnica e adquirir pouco a pouco máis resistencia e velocidade. Os grupos dos máis pequenos adestran un día á semana na pista de atletismo, mentres que os dos maiores reparten as dúas sesións: un día corren na pista e otro fóra dela.